Do porquiño (parte I): TRIPASSSS!

O porquiño merécese unha sección propia, porque se poden facer tantas cousas!! Xa que se sacrifica, polo menos non desperdiciar nada, e nesta entrada, que inaugura a sección, falaremos dunha receita coas TRIPAS, sí amijos, tripas, e as do intestino groso, nada menos.
É un prato anti-prexuizos, que require dalgo de valentía para preparalas, e comelas despois. Isto pasa con tantas cousas!!... o pulpo, por exemplo, un bicho viscoso, que non arrecende precisamente cando está a ferver na pota, pero que despois cun simple aceite de oliva e pementón se convirte nun manxar polo adoecen tantos! Pois con isto pasa algo parecido, aínda que se comes callos (o calleiro non é mais que o estómago, e pode ser de vaca, pero o de porco tamén vale), botelo, chourizos, morcillas... pois tamén estás a comer tripas!! Así que non é nada raro, despois de todo.
Comentei e preguntei a bastante xente por esta receita, ou algunha posible variante, e ninguén me dixo que a coñecese, así que para que non se perda, aquí a vai:

TRIPAS AO FORNO
Ingredientes:
1óso do lombo do porco (desalado)
1 anaquiño de touciño "da barriga" (con freba), (desalado)
2 chourizos
media cebola grande ou unha pequena, aceite de oliva, pementón
2 boas culleradas de "rixoada" (repouso graxo que queda no fondo da pota de facer os rixóns)
2 kg (aprox.) de fariña de millo branco
6-7 tripas de porco (intestino groso en salazón, ben limpo, sen graxas, e desalado dunhas horas)

Preparación paso a paso:

Ter as tripas desaladas e limpas listas e a man:


Facer un caldo co óso do lombo e máis o touciño, que rinda como litro e medio de caldo ou dous litros. Reservar o caldo, e limpar e picar as frebas do óso e máis o touciño. Picar tamén os chourizos.


Preparar un sofrito coa cebola e o pimentón nun pouquiño aceite de oliva.

Poñer o caldo ao lume, que estea ben quente ou case fervendo, e botar dentro a rixoada, o sofrito de cebola e as frebas de carne, touciño e chourizo. Mesturar ben e comezar a botar a fariña de millo. Hai que botar abondo ata que quede cunha consistencia... espero que se aprecie na foto:


Encher as tripas, atar os extremos. Non encher demasiado, porque despois ensúmense e rompen con moita facilidade.

Poñer nunha bandexa algo fonda de forno, e sempre con algo de auga quente no fondo. Non deixedes que queden sen auga. O forno ten que estar quente, a temperatura media. E terán que cocer unha hora polo menos, ata que collan cor dourado. De cando en cando dádelle unha volta, para que doren por todos lados.

Ei-las:


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Tarta de chocolate branco, mango e kiwi - Frabisa

Charlota de amorodos - LarpeirosTVG

Novo invernadoiro e enxerto de fatóns